Política Social realizou 89 cursos para mellorar a integración de persoas en risco de exclusión


Estas accións formativas desenvolvéronse a través da rede de equipos comarcais de inclusión sociolaboral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e estiveron financiadas nun 80% polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020.
Esta programación supuxo un total de 2688 horas de formación repartidas nas diferentes accións, ao final das cales obtiveron o diploma correspondente 757 persoas: 398 homes e 359 mulleres. Os cursos desenvolvéronse en 50 concellos, coa finalidade de achegalos a municipios que habitualmente teñen unha oferta formativa reducida.
O xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, salientou que, con esta proposta, “melloramos as oportunidades laborais de persoas que atravesan unha situación complicada e teñen moi difícil acceso a este tipo de formación por diferentes causas, como carecer da titulación académica necesaria, ter dificultades de desprazamento ou de dispoñibilidade horaria, ou porque a oferta formativa onde residen é limitada”.
Todos os cursos realizáronse tendo en conta o cumprimento das medidas sanitarias, de hixiene e de protección recomendadas polas autoridades sanitarias ante a situación epidemiolóxica causada pola covid-19.