O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, salientou a necesidade de dar ás persoas maiores máis opcións para vivir esta etapa onde e como prefiran. Trátase, engadiu esta mañá durante a inauguración dunha conferencia divulgativa sobre o modelo residencial para maiores de cohousing, dun obxectivo no que o Goberno galego leva anos traballando e avanzando.
Neste sentido, Fernando González Abeijón apuntou que Galicia está ultimando a normativa para implantar este modelo na nosa Comunidade, un modelo que conta con experiencias xa noutros países e outras comunidades e que permite que as persoas maiores vivan en comunidade e comparta servizos e prestacións. Así, durante o encontro desenvolvéronse mesas redondas nas que participaron representantes de entidades que desenvolven este programa en Pamplona, Huelva ou Madrid, entre outras localidades, así como investigadores e persoal do sector en Galicia.
No acto, organizado por Cohousing Ártabra coa colaboración da Universidade da Coruña e no que participou o xestor do proxecto e presidente de Senior Cohousing Huelva, Pedro Ponce, entre outros expertos, expuxéronse cuestións como as Experiencias do Estado Español ou as Experiencias galegas embrionarias ou en desenvolvemento. A xornada está a desenvolverse ao longo de todo o día no campus de Riazor da Universidade da Coruña.