Ao fío do debate celebrado na Parroquia San Xoan Bautista coñecemos unha nova proposta do programa popular para Carballo que adiantou o seu líder, Rubén Lorenzo, en algunha das intervencións no devandito debate, ben en quenda de intervención, ben a modo de réplica, confrontándose directamente con Evencio Ferrero, alcalde da vila e candidato polo BNG.
Os populares afirman que as súas políticas de familia responden a unha visión ampla e transversal, que pasen por unha boa conciliación educativa e por servizos sociais renovados e baseados na atención persoal a cada circunstancia e a cada caso. Plantexan un modelo de conciliación familiar para todas as idades, desde os máis cativos da casa, pasando polos adolescentes, ata os maiores e os dependentes. Un modelo que, máis alá de basearse só nos coidados, plantexe obxectivos que favorezan o desenvolvemento cognitivo, emocional e social.
“É fundamental equiparar as condicións de conciliación en todos os centros educativos de infantil e primaria, ofrecendo a xestión dun programa de Bos días para as familias que deixen aos seus fillos cedo nas escolas e, así mesmo, incorporando un programa de Xantar no cole, para aqueles centros que non teñen servizo de comedor, incluidas as escolas rurais”, proseguen.
En canto ás políticas sociais inclúen dúas propostas principais, por unha banda a apertura, no prazo máis breve posible, do centro de Entidades Sociais e por outra, como a creación dun Centro Interxeracional, onde convivan actividades educativas coa cativada e actividades de intervención sociocognitiva con maiores.
Mantendo o seu lema de campaña “un novo Carballo é posible” Rubén Lorenzo aposta forte por presentar o seu proxecto como de servizo ás persoas que mellore a calidade de vida de todos os veciños e facilite o asentamento das familias tanto no centro como nas parroquias, conclúe.