Baño de masas déronse os partidos políticos que decidiron facer campaña, para o 12-X, este domingo aproveitando a feira de Paiosaco. Unha cita moi concorrida tras ir recuperando o evento esta nova normalidade e celebrarse ao mesmo tempo a Feira das Cereixas, declarada de Interese Turístico de Galicia. Cunha climatoloxía máis ben fresca para a época do ano que vivimos, PP, PSdeG-PSOE e BNG montaron unhas rechamantes casetas á fronte do campo da feira, xunto á estrada comarcal, onde repartiron información relativa aos seus programas electorais, ademais do apoio das súas respectivas unidades móbiles de megafonía.
A conselleira de Política Social, Fabiola García e o candidato carballés, Rubén Lorenzo, estiveron acompañados de boa parte do Goberno larachés, co seu alcalde José Manuel López Varela á fronte.O deputado estatal Diego Taibo, apoiou a comitiva socialista, onde tamén estivo Lois García, alcalde de Ponteceso, entre outros candidatos.Por parte do BNG, o candidato local, Xoán Manoel Sande Muñíz, estivo arroupado, entre outros compañeiros/as, polos concelleiros carballeses Milagros Lantes e Xosé Regueira – este último á súa vez- vicepresidente da Deputación da Coruña.