Cinco deles están en condición crítica, pero estables, explicou a Policía neoiorquina nunha conferencia de prensa nas inmediacións da estación do distrito de Brooklyn, onde tivo lugar o incidente. A Policía segue buscando ao presunto autor dos disparos, un home negro de complexión pesada e que vestía un chaleco sobre a súa roupa.
«Este individuo segue aínda prófugo. Esta persoa é perigosa», subliñou a gobernadora do estado, Kathy Hochul, na mesma rolda de prensa. O ataque produciuse á 8.24 hora local (12.24 GMT), en plena hora punta, cando un tren da liña N con dirección a Manhattan se dispoñía a entrar na estación da rúa 36 de Brooklyn. A bordo, o sospeitoso púxose unha máscara de gas e sacou dunha bolsa un bote de fume e abriuno.
«Nese momento o tren empezou a encherse de fume. Logo abriu fogo, alcanzando a varias persoas no metro e na plataforma», explicou a Policía. Segundo as autoridades, por agora descoñécense os motivos do atacante, que aparentemente disparou de forma indiscriminada.