Polo menos 16 persoas morreron este venres no accidente dun avión que voaba de Dubái a Kozhikode, no sur da India, cando o aparello se saíu da pista ao aterrar debido á forte choiva e crebouse en dúas partes. «Por desgraza 16 persoas faleceron», dixo o ministro de Aviación Civil indio, Hardeep Singh Puri, en Twitter. O ministro precisou que no avión viaxaban 190 persoas, incluíndo 174 pasaxeiros adultos e 10 menores, e anunciou unha investigación do accidente.
Segundo a cadea de televisión delhí NDTV, ambos os pilotos faleceron no accidente. Dos 105 pasaxeiros internados en hospitais da cidade, polo menos 10 atópanse en estado grave. A embaixada da India en Dubái anunciou que as operacións de rescate finalizaron.
«Segundo as últimas informacións das autoridades estatais, a operación de procura e rescate finalizou e todos os feridos foron trasladados a varios hospitais», dixo a embaixada nun comunicado.
O avión partiuse en dous
O suceso tivo lugar cara ás 19.40 horas (14.10 GMT), cando o Boeing 737 NG da compañía de baixo custo Air India Express, filial da estatal Air India, se saíu da pista de aterraxe do aeroporto de Kozhikode. «O voo con número AXB-1344, que viaxaba de Dubái a Kozhikode con 190 persoas a bordo, excedeu a pista de aterraxe en condicións de choiva e precipitouse nunha pendente uns dez metros antes de partirse en dous anacos», precisou o ministro de Aviación Civil indio na rede social Twitter. O aeroporto internacional de Kozhikode é o terceiro con maior tráfico de Kerala e é coñecido pola súa pista de aterraxe relativamente curta e elevada, con pendentes empinadas a ambos os dous lados. As autoridades locais habían decretado o estado de alarma en seis distritos de Kerala por mor das fortes choivas, que hoxe causaron a morte de polo menos 15 persoas tras un corremento de terra no distrito montañoso de Idukki. O portal de rastrexo de datos de voo Flightradar24 mostrou que o avión Boeing 737 NG de Air India Express tentou aterrar dúas veces antes do sinistro, debido ás complicadas condicións meteorolóxicas.