Polo menos 50 mortos pola vaga de incendios que afecta á conca do Mediterráneo

1 minutes read

A vaga de incendios que afecta á conca do Mediterráneo deixou xa 50 mortos, a maioría en Alxeria. En Grecia sumáronse outros dous mortos aos tres que xa había. Os dous faleceron nunha zona montañosa próxima a Volos, na rexión de Tesalia. O lume declarouse o mércores, e súmase aos 90 incendios que calcinaron xa miles de hectáreas nas illas de Rodas, Corfú e Eubea.

As chamas tampouco dan tregua en Italia na illa de Sicilia. Alí xa arderon 700 hectáreas de zonas boscosas, numerosas casas e parte das súas infraestruturas públicas. Os danos provisionais ascenden a 60 millóns de euros, aos que hai que engadir 200 millóns que se cuantificaron no sector agrícola debido á onda de calor.

En Alxeria vixían os distintos focos. Aquí é onde os incendios foron máis mortíferos, con corenta falecidos. Hai varios feridos en estado crítico e entre as vítimas hai decenas de militar. A axuda humanitaria chegou desde outras rexións do país a Bejaia, unha das zonas máis afectadas. 

A Unidade Militar de Emerxencias (UME), que participa xunto a dous avións apagalumes do Exército do Aire de España nos labores de extinción de incendios en Tunes, deu por controlado o último foco activo na provincia de Tabarka (noroeste), fronteira con Alxeria, afirmou o tenente coronel e xefe do compoñente UME, Daniel González Garrido.