O pesqueiro Villa de Pitanxo, propiedade dun armador galego, afundiuse sobre as seis da madrugada hora española, tal e como rexistrou a baliza da embarcación a 450 quilómetros ao sueste de Terranova. Nos labores de rescate están a participar varios pesqueiros que faenaban pola zona. Tres das catro balsas salvavidas foron localizadas horas despois, pero dúas delas estaban «completamente baleiras» e a terceira portaba só a tres sobreviventes.
Foi o «Praia de Menduiña» o que atopou pouco despois das dez e media da mañá, a balsa cos tres sobreviventes e catro cadáveres, ademais de obxectos procedentes do naufraxio, aínda que durante a tarde deste martes aparecen outros tres corpos. A tripulación do barco está composta por 24 persoas, segundo a documentación de Salvamento Marítimo.
A conselleira do mar, Rosa Quintana, quixo mandar unha mensaxe de apoio ás familias nestes duros momentos, e confirmou que os tres tripulantes rescatados foron trasladados ata o hospital e que no barco ían abordo 24 persoas, das que 18 teñen DNI español. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo á disposición do Goberno e da armadora todos os medios que poida facilitarlles o Executivo galego. A ministra de Política Territorial e Portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, manifestou que «o Goberno segue con inquietude e preocupación as tarefas de busca e rescate da tripulación do barco. Precisou que o Executivo está en contacto e coordinación cos servizos de rescate e pediu prudencia na información polos familiares das persoas que ían abordo do Villa de Pitanxo.