Polo menos dúas persoas morreron por disparos dun home que abriu fogo a última hora da tarde deste luns en pleno centro de Bruxelas e deuse á fuga, segundo confirmaron fontes policiais, que sinalaron tamén a existencia dun número aínda non precisado de feridos.
O Goberno belga creou unha célula de crise e elevou a nivel 4, o máximo, a alerta no país ante a sospeita de que se trata dun ataque terrorista.
O suceso rexistrouse no Bulevar d’Ypres cando un home vestido cunha chaqueta fluorescente de cor laranxa se baixou dunha moto e disparou cunha «arma de guerra», segundo o xornal Sudinfo.
O home disparou tamén a dúas persoas que estaban nun taxi e despois deuse á fuga na moto, segundo algúns medios, que aseguran que as dúas vítimas mortais son de nacionalidade sueca.