Buscan a polo menos tres persoas que participaron no asalto a tres bares de Malpica

1 minutes read

Tres locais de hostalería, asaltados en apenas 24 horas. Non é un balance nada habitual nun concello pequeno e tranquilo como o de Malpica, onde todos e todas se coñecen.

O primeiro asalto foi no bar Arcos, que leva aberto un mes. Os ladróns emprendérona co pecho da persiana metálica, á que lle romperon o sistema automático para abrila. Non puideron entrar pola alarma e a presteza coa que acudiu o dono. O hostaleiro ten conectado o aviso ao seu teléfono móbil, e nuns minutos xa estaba no seu local, a tempo para ver dúas figuras escuras que fuxían. Unha era alta e delgada e a outra máis baixa e forte, aos que esperaban nun coche en marcha a poucos metros.

Nos outros dous os botíns foron practicamente insignificantes, xa que os donos, desconfiados por outras experiencias, non deixan cartos nos negocios. Malia todo, hai danos nas fechaduras e fiestras que romperon para entrar.

En Casa Antonio foi un escaso botín o que os ladróns levaron. Cinco ou seis euros da caixa, que tiñan en moedas. Con todo, os ladróns si que causaron un dano material importante, xa que forzaron a porta da cociña para entrar e, agora, terán que substituíla.

De semellante xeito actuaron no restaurante O Burato, que está a carón do porto e no medio da vila. Outra presa de moedas foi o que puideron levar. Ao parecer entraron por unha fiestra, que forzaron, polo que contan que os gastos para repoñela van ser moito máis elevados do que levaron os ladróns.