Ponteareas obten o selo de ‘Mercados Excelentes’, despois de Pontedeume, Tomiño, Vilagarcía, Carballo e Ribeira

1 minutes read

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este sábado o novo mercado municipal en Ponteareas, Mercatea, como un exemplo da aposta do Goberno galego pola modernización e impulso ás prazas de abastos da comunidade. “Se queremos que os praceiros que teñen aquí o seu medio de vida sigan traballando e que todos os veciños e veciñas que queren seguir mercando no comercio de proximidade cousas que se producen aquí o sigan facendo, hai que facer edificios acordes e que estean ao nivel das esixencias actuais da xente”, sinalou.

Rueda destacou que, ademais de supoñer a transformación do patrimonio industrial da vila nun espazo moderno, sostible e dinamizador da economía local, a nova praza de abastos pasa a formar parte da Rede de Mercados Excelentes de Galicia. Trátase do sexto mercado da comunidade en acadar este distintivo de calidade —que xa posúen Pontedeume, Tomiño, Vilagarcía, Carballo e Ribeira—, certificando a súa aposta pola profesionalidade, a accesibilidade e o produto de quilómetro cero.