Ponteceso | A segunda Popular Faro Roncudo terá carácter solidario en favor do pobo ucraíno

2 minutes read

O salón de plenos do Concello de Ponteceso acolleu a presentación da segunda Popular Faro Roncudo, que se celebrará o domingo 10 de abril en Corme, logo dun tempo de parón pola pandemia. Trátase dunha carreira pola estrada que, no caso da proba reina, a absoluta, partirá ás 11.00 horas da Praza da Ribeira para ir ata o Faro Roncudo e volver ó punto inicial. Serán uns 6,2 quilómetros aproximados.

Outros percorridos haberá máis tarde para as categorías inferiores, e repartiranse medallas, trofeos e premios especiais. Organiza o evento o consistorio, a través do departamento de Deportes, e colaboran no mesmo a Federación Galega de Atletismo, a Deputación da Coruña, Protección Civil de Ponteceso e as entidades deportivas Abellariza e Vidú.
O alcalde, Lois García; a técnica municipal de Deportes, Remedios Varela, e o presidente e o secretario de Abellariza, Miguel Cousillas e Pablo Nogueira, respectivamente, foron os encargados de presentar todos os detalles da recuperada cita que, con motivo da situación actual que vive o mundo co conflito da invasión de Rusia a Ucraína, terá un marcado carácter solidario en favor do pobo ucraíno afectado.

Como explicou o rexedor a través do deporte súmanse á campaña que promove Cáritas: “Todas as persoas que queiran, á vez que se inscriben na carreira, poden colaborar ingresando nalgunha das contas que se ven no cartel. Dende un euro, dous… calquera axuda é boa. Irán destinados a esas persoas”.
O prazo de inscrición abrirase proximamente en www.carreirasgalegas.com e pecharase o 7 de abril ou cando se esgoten as prazas: 250 na categoría absoluta, e 150 nas dos menores. A técnica deportiva destacou a axuda de todas as partes para sacar adiante a
proba, mentres que dende Abellariza resaltaron a beleza da mesma. Pola súa banda, Lois García invitou a todos os interesados a ir adestrando a través da senda existente.