Ponteceso acollerá a exposición itinerante sobre o Pacto Verde Europeo


O centro EUROPE DIRECT A Coruña abre este venres 6 de maio unha exposición itinerante sobre o Pacto Verde Europeo que fará paradas en cinco concellos da provincia durante os próximos meses. A mostra, que dá a coñecer os obxectivos da Comisión Europea en materia ambiental para os vindeiros anos, é unha das actividades previstas polo centro oficial de información europea da Deputación da Coruña para celebrar o 9 maio, Día de Europa.

O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta da Unión Europea para transformar a súa economía nas vindeiras décadas e avanzar cara un sistema económico sostible, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos. O obxectivo final é acadar a neutralidade climática no ano 2050.

Nos paneis que compoñen a mostra hai códigos QR que permiten ampliar a experiencia e levala a unha dimensión interactiva. Así, poderase atopar a Estación Verde, un entorno virtual en 3D no que se atopan vídeos realizados polo alumnado de centros galegos con consellos sobre sostibilidade, contidos didácticos, unha versión virtual da mostra e un punto informativo sobre as funcións do centro EUROPE DIRECT A Coruña.

A exposición, que estará situada ao aire libre para facilitar o acceso da cidadanía, terá como destino a praza do Relleno de Ponteceso dende o 17 de xuño ata o 1 de xullo. Ames, Culleredo, Pontedeume e Valdoviño tamén están dentro do circuito itinerante desta exposición.