Ponteceso acollerá un foro de mulleres emprendedoras da Costa da Morte

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade organiza o próximo 11 de novembro, nas dependencias da Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, o Foro de mulleres emprendedoras na Costa da Morte, un evento que quere poñer en valor a contribución destas traballadoras ao desenvolvemento produtivo da contorna.

A actividade, impulsada desde o Polo de emprendemento e apoio ao emprego Costa da Morte situado en Coristanco, dará a coñecer a experiencia de cinco emprendedoras desta zona que debaterán acerca das oportunidades de iniciar un negocio nas contornas rurais.

Intervirán na xornada Pilar Trillo, promotora dun proxecto de turismo rural; Begoña Fernández de Stoupa, que conta cunha firma de artesanía local; Patricia Vaquero, da consultora Nós igualdade; Silvina Muñoz, de repostería creativa Algareira; e Cristina Vázquez de Horta do Noroeste.

O evento inclúe un espazo de exposición para que mulleres emprendedoras de Costa da Morte poidan mostrar os seus produtos e proxectos.

As persoas interesadas en acudir a esta actividade de balde, están a tempo de formalizar a súa inscrición a través da seguinte ligazón: http://polosemprendemento.gal/info/11-11-22-evento-costa-da-morte.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha