A Asociación une a todas as nenas con Síndrome de Rett e as súas familias, proporcionándolles servizos e apoio para mellorar a súa esperanza e calidade de vida. Ademais, coordina, activa e financia liñas de investigación no Hospital San Xoán de Dios de Barcelona. Finalmente promove e sensibiliza á poboación en xeral sobre a enfermidade para garantir, en condicións de equidade, a plena integración social, sanitaria e educativa das persoas con Síndrome de Rett.
Ponteceso acolleu este domingo 1 de xuño unha nova xornada festiva e solidaria coa celebración da macro sesión vermú organizada a favor desta Asociación. O evento, que encheu a praza do Recheo desde última hora da mañá, logrou reunir a centenares de persoas co obxectivo de recadar fondos para a investigación e o apoio a esas nenas afectadas pola Síndrome de Rett.
Infinidade de artistas das orquestras máis recoñecidas e tamén solistas de música tradicional acompañaron a varios djs, entre os que destacou o vimiancés Rokiño, pola súa entrega e interactuación co público presente. Tres carpas quedaron pequenas para acoller a gran cantidade de asistentes que ademais da música compartiron colaboración, merchandising e varios tipos de comida, empanadas, callos, etc… todo coa mellor intención solidaria de participación na causa.
Momento da animación do evento por Dj Rokiño.