Teatro, música e contacontos para desfrutar da Pilarica de Ponteceso

1 minutes read
  • As actividades terán lugar na biblioteca municipal e na sede da Fundación Eduardo Pondal

Coa ponte do Pilar á volta da esquina, o Concello de Ponteceso publicou unha programación cultural en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística. Os contacontos, o teatro e a música inundarán a biblioteca municipal de historias para o desfrute dos máis pequenos.

A primeira sesión de contacontos arrincará este venres, ás 18:30 horas, cos ratiños de Trinke Trinke e o seu espectáculo ‘Viaxe pola Galicia encantada’. O martes 12, ás 12:00 horas, será o turno de MeRe Clown e ‘A verdadeira historia de Hamelin’, unha adaptación circense do clásico conto que fará partícipes aos máis pequenos a través do humor e de xogos. Para poder participar en calquera das dúas actividades é preciso inscribirse no 659 431 242.

A Fundación Eduardo Pondal tamén será escenario de varias actividades. A música soará a partir deste domingo ás 17:00 horas con A Tajea de Ordes. Á mesma hora, pero durante o martes 12, varios grupos e artistas nacionais e internacionais pasarán por Ponteceso: Salvador Amor, Raquel Lúa, Caamaño & Ameixeiras, Adhara & Ritman e Adrian Timms serán os que conformarán o cartel musical.

As actuacións levaranse a cabo no exterior da sede da Fundación, aínda que se o tempo non o permite trasladaranse ao local da asociación Monte Branco.

Por outra banda, o luns 11 de outubro, ás 17:00 horas, a adestradora emocional Baia Fernández será a encargada de ensinar a sorrir con ‘A risa, a mellor menciña‘. Esta actividade tamén se levará a cabo na sede da entidade.