Ponteceso | Adxudicadas as obras da senda entre Xornes e a Igrexa de San Xoán

Xornes.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 409.972 euros as obras de execución da senda entre Xornes e a igrexa de San Xoán, no concello de Ponteceso.

Este contrato foi adxudicado á empresa Construcciones López Cao, S.L. As obras previstas na estrada autonómica AC-421 ao seu paso por este municipio coruñés comezarán na vindeira primavera co obxectivo de rematalas este mesmo ano, xa que os traballos contan cun prazo  de execución de cinco meses. A Xunta financiará estas obras con fondos do eixe React-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

A intervención céntrase na construción dun novo itinerario de uso compartido peonil e ciclista pola marxe dereita da AC-421, que permitirá desprazamentos máis cómodos e seguros desde o núcleo de Xornes ata a igrexa de San Xoán. Acadará os 1,3 km de lonxitude e terá 2 metros de ancho, salvo en casos puntuais onde o ancho será maior, xa que se unirá o novo itinerario coa aliñación das parcelas para evitar que queden franxas baleiras no trazado.

O novo itinerario será en formigón coloreado, para facilitar a visibilidade, e disporá, nos treitos onde sexa posible, de cuneta de seguridade e franxa axardinada. Completaranse os traballos coa execución da drenaxe e das canalizacións para alumeado público e telecomunicacións. Esta actuación busca mellorar a seguridade dos peóns nesta contorna e fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, dispoñendo tamén de mobiliario urbano, un banco que facilite o seu repouso.

A intervención súmase á xa executada entre Xornes-Buño-Canta la Rana e completarase con outra nova actuación prevista no municipio: a nova senda no Couto, que se habilitará por ambas as marxes da estrada autonómica que vai a Corme, a AC-424. Será un itinerario de aproximadamente medio quilómetro de lonxitude que dará continuidade ao existente. Contará cun investimento autonómico de arredor de 320.000 €.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha