APIN Ponteceso pide un pleno extraordinario para tratar os temas pospostos polo alcalde

Concello de Ponteceso_ Cedida

  • Entre os temas pendentes atópase a eliminación das dedicacións exclusivas e parciais aprobadas en xuño

O grupo municipal APIN-SON de Ponteceso presentou un rexistro solicitando un pleno extraordinario para tratar os temas pospostos polo alcalde, Lois García Carballido, no pleno do 26 de novembro. Unha convocatoria concedida verbalmente polo rexedor e que desde APIN agardan se celebre o próximo 14 deste mes.

Entre os temas pendentes atópase a eliminación de todos os cargos con dedicación exclusiva e parcial aprobados en
sesión constitutiva do mes de xuño, así como a dedicación dos créditos liberados ao Plan de Emprego Social.

Segundo o voceiro de APIN-SON, José Manuel Pose Verdes, aínda existen numerosas persoas e colectivos sen axudas que se atopan «nunha severa situación de desprotección», unha situación á que os concellos non poden permanecer alleos ao ser a «administración máis próxima ao cidadán e a que mellor coñece as súas necesidades». Pose afirma que desde a agrupación política son sabedores das «dificultades económicas que, debido á xestión de García Carballido, está a atravesar o concello, pero todos os membros da Corporación sabemos que poden acadarse máis fondos».

Desde APIN tamén consideran necesario revogar as competencias delegadas polo Pleno ao Alcalde e á Xunta de Goberno Local para poder «protexer os intereses dos veciños e veciñas de Ponteceso» á vista da «caótica» xestión realizada polo rexedor «ao longo dos últimos meses». A isto, sinala Verdes, hai que engadirlle a «delicada situación política de Carballido», que se atopa sen os apoios suficientes para a adopción de acordos e da multitude de competencias asumidas tras o cese de 5 concelleiros do Grupo de Goberno.

No rexistro presentado, a formación política tamén busca aliviar a economía das familias coa rebaixa do Imposto de Bens Inmobles (IBI) urbano e rústico ao 0,4% da base liquidable; así coma a redución do Imposto sobre Construcións, Instalación e Obras (ICIO) ao 2% da base impoñible.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha