O Alcalde de Ponteceso, Lois García, reuniuse coa presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez, e co presidente da APTCM, Pepe Formoso, para trasladarlle a campaña de impulso do turismo deportivo. Dentro da promoción dos valores de vida saudable e accesibilidade universal ás instalacións deportivas, Ponteceso é pioneiro na Costa da Morte en unir esta oferta os 365 días do ano á oferta de aloxamentos.
O Alcalde declarou ao saír da reunión «as nosas propostas tiveron moi boa acollida e imos establecer canles de colaboración mutua para que o turismo deportivo despegue na Costa da Morte con epicentro en Ponteceso».
Propostas concretas lanzadas polo Concello de Ponteceso para o impulso do turismo deportivo
1. Proposta a turismo de Galicia para acoller na Costa da Morte un Congreso adicado á promoción do turismo deportivo asociado aos xeodestinos de Galicia.
2. Grupo de traballo na CMAT para a promoción do turismo deportivo, en colaboración coa Xunta, Deputación da Coruña, Universidade (INEF) e Fegamp, potenciando os nosos contornos naturais e instalacións deportivas, cun plan de investimentos en infraestruturas deportivas para facelas accesibles a todos os visitantes usando a tecnoloxía..
3. Integrar a oferta deportiva de todos os Concellos, e a de todas as empresas de turismo activo e deporte, na oferta residencial, para o seu lanzamento. Estratexia para poñelo en marcha xa para Semana Santa. Apertura 19hs por día das instalacións deportivas para todos con tecnoloxía dixital.
4. Declarar 2024 como ano do turismo deportivo en Galicia, para posicionarnos como destino deportivo de referencia, potenciando os valores da vida saudable, a inclusión e a igualdade no deporte.
5. Garantir a participación de Galicia no Global Sport Tourism Summit cunha marca propia.
6. Lanzamento dun selo de calidade de turismo deportivo para Concellos e empresas que sigan unhas liñas básicas de participación no programa.
O Concello xa está a facer reservas para as instalacións deportivas como o pádel ou a sala de exercicios, aos hóspedes dos 75 aloxamentos rexistrados oficialmente, e vailles facer chegar un folleto informativo.