O pleno do Concello de Ponteceso aprobou na sesión celebrada este mércores diferentes asuntos de relevancia para o municipio, entre os que destaca un investimento de 500.000 euros en novas infraestruturas, así como a aprobación da Conta Xeral e a autorización do convenio do Festiletras.
No apartado de investimentos, o pleno aprobou destinar integramente os 500.000 euros do POS Adicional da Deputación á execución de actuacións moi demandadas pola veciñanza. Entre elas atópanse a humanización do núcleo de Anllóns, cun investimento de 253.445,04 euros, e a mellora da seguridade viaria e de pistas nos lugares de Tella, Corme Aldea e Pazos, dotada de 221.862,38 euros.
Con esta aprobación, o Concello de Ponteceso dá un novo paso para avanzar na mellora das infraestruturas en todo o municipio e dar resposta ás necesidades trasladadas polos veciños e veciñas das diferentes parroquias. Trátase de actuacións consideradas prioritarias polo Goberno local e que responden, en boa medida, a “demandas históricas da veciñanza”.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou que “estas actuacións responden a demandas que a veciñanza leva tempo trasladando ao Concello e forman parte do compromiso do Goberno local de seguir mellorando as infraestruturas en todo o municipio”.
Mato quixo tamén agradecer “aos veciños e veciñas as súas demandas, pero tamén a paciencia e a espera necesarias para poder poñer en marcha e executar estas actuacións”.
A sesión plenaria incluíu tamén a aprobación da Conta Xeral, un trámite de rendición de contas que permite coñecer e avaliar a situación económica e financeira do Concello correspondente ao exercicio.
Por outra banda, o pleno autorizou o convenio do Festiletras, polo que o Concello continúa apoiando a celebración deste evento cultural e a colaboración institucional necesaria para o seu desenvolvemento.
