Ponteceso avanza na recuperación e divulgación da biografía de Mourelle de la Rúa


O Concello de Ponteceso está a realizar avances moi importantes no relativo a recuperación e divulgación da biografía do ilustre navegante cormelán Mourelle de la Rúa. A instancia da Asociación Cultural Insua de Viastela o titular do Concello de Ponteceso, Lois Garcia Carballido, acaba de asinar coa Deputación da Coruña o convenio de impresión da obra Mourelle de la Rúa, explorador do Pacífico.
Tanto o Concello coma Insua de Viastela agradecen a xenerosidade dos herdeiros de Amancio Landín Carrasco pola cesión dos dereitos de autor desta edición non venal traducida ao galego. A transcrición dos diarios de navegación manteranse na rica prosa orixinal de Mourelle de la Rúa.
Tamén neste mes tivo lugar na Subdelegación do Goberno na Coruña unha importante reunión coa participación da subdelegada do Goberno María Rivas, o coronel Antonio Bernal como delegado de Defensa, Lois Garcia Carballido e parte da directiva de Insua de Viastela na que o Concello mediou para que a Armada participe nas iniciativas da homenaxe que foran aprazadas pola pandemia.
Entre outras cousas solicitóuselles a visita dunha nave da Armada ao porto de Corme con xornada de portas abertas, a participación dalgún historiador militar para dar unha conferencia relacionada coa traxectoria do mariño, e que fose bautizada co seu nome algunha área especial dunha Escola Naval de Galicia.
Fíxose especial fincapé na posibilidade de que o retrato de Mourelle, propiedade do Museo Naval de Madrid, sexa exposto temporalmente no Museo de Arte Contemporaneo da Costa da Morte (MACCMO) en Corme, a localidade natal do laureado navegante.