Ponteceso baixa este venres a nivel medio de restricións

1 minutes read

O Concello de Ponteceso era o único perimetrado en nivel máximo na Costa da Morte, pero o comité clínico que fai seguimento da evolución da covid en Galicia decidiu este martes que a partir das 00:00 horas deste venres baixe a nivel medio. Deste xeito, as restricións de carácter medio permiten unha ocupacón do 30% no interior de bares, restaurantes e cafetarías e do 50% nas terrazas ata as 18:00 horas. Ademais, está permitida a mobilidade con concellos no mesmo nivel e reunións de non convivintes cun máximo de catro persoas.

O comité propuxo que os concellos que teñan o nivel de restricións máximas sexan os de Paradela, A Pobra de Brollón, Boborás, A Mezquita, Vilardevós e Pontecesures. No nivel alto de restricións quedarán os concellos de Soutomaior, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Mos, Cambados, Guitiriz, Lourenzá, Chantada, Mugardos, Cariño, Arteixo, Miño e Sobrado. O resto dos concellos galegos quedan en nivel medio.