O Concello de Ponteceso celebrará o vindeiro sábado, 25 de outubro, no Campo da Feira, unha nova edición da súa emblemática Feira das Fabas, que este ano alcanza a súa XXXIII edición, cun programa repleto de música, gastronomía e homenaxes.
As actividades comezarán entre as 11:45 e as 13:30 horas co pasarrúas de “Os Picurruchos”, que encherán de alegría e ambiente festivo as rúas da vila. Ás 14:00 horas terá lugar o pregón a cargo de “Gil da Campara”, quen ofrecerá unhas palabras en homenaxe aos gandeiros, recoñecendo así o seu labor esencial para o sector e para a tradición local.
Despois, chegará o momento máis agardado da xornada: “Fabas a fartar”, unha gran degustación deste produto estrela que é símbolo da gastronomía pontecesá. A festa continuará ás 16:00 horas coa actuación musical de Judith Cundins, que poñerá o broche de ouro a unha xornada de sabor e música.
As entradas poderán adquirirse durante a semana na Tesourería do Concello e tamén no Campo da Feira o propio día do evento. O Concello de Ponteceso anima á veciñanza e visitantes a achegarse á hostalaría local e gozar desta cita gastronómica e cultural que une tradición, música e bo ambiente.