Ponteceso celebrará o 19 de xullo o VIIIº Certame Internacional de Pintura ao Aire Libre Fernando Álvarez de Sotomayor

2 minutes read

O concurso contará con ata 12.600 euros en premios, repartidos entre os vinte primeiros galardonados. O dito certame está organizado pola Concellería e Departamento de Cultura de Ponteceso, a cargo da rexedora Raquel Fondo, en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.


A execución, estilo e técnica son libres, correndo os materiais de elaboración a cargo dos participantes, incluíndo o cabalete, necesario para a exposición pública das obras unha vez rematadas. A técnica versará en torno o Concello de Ponteceso, de execución directa diante do modelo paisaxístico e dentro da área que delimite a organización. O lenzo non deberá de sobrepasar os 100 cm de alto e 100 cm de longo.


O concurso terá un máximo de 100 participantes. Aqueles interesados dispoñen das bases e folla de preinscrición na sección de novas da web do Concello, así coma na sede electrónica de Ponteceso, mandándoa a través do correo adrian.brandariz@ponteceso.gal ou pola mesma sede. As inscricións definitivas realizaranse no Centro Cultural Xosé Neira Vilas de Ponteceso, gratuitamente o mesmo día 19, entre as 9:00 e 11:00 h, onde se selarán os lenzos e entregaranse a cada participante unha bolsa de picnic.


Os participantes dispoñerán ata as 16:30 h para entregar as obras, no punto de control establecido polo xurado, o cal estará composto por coñecedores das artes plásticas. Dito xurado emitirá dictamen ás 19:30 h, coa entrega de diplomas e os premios correspondentes aos primeiros vinte gañadores. Aqueles participantes sen premiar poderán firmar e poñer o importe para a súa venda na parte traseira, estando en exposición pública ata as 21:00 h.


Os premios son os seguintes, estando suxeitos á retención fiscal establecida:

1º Premio: 3.000 euros e diploma
2º Premio: 1.500 euros e diploma
3º Premio: 1.000 euros e diploma
4º Premio: 600 euros e diploma
5º Premio: 500 euros e diploma
Do 6º ao 20º premio: 400 euros e diploma


Animan desde o Concello de Ponteceso a participar a todos aqueles interesados neste concurso de pintura ao aire libre, único na Costa da Morte.