Con motivo do día de Reis, o Concello de Ponteceso realizou unha iniciativa moi especial: levar o clásico roscón a todas as persoas maiores de 90 anos do municipio. Nesta iniciativa, organizada e planificada desde hai tempo, o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisé Álvarez, acompañaron ás Súas Maxestades de Oriente durante o percorrido polos domicilios destes veciños e veciñas, compartindo con eles e elas momentos especiais e cheos de emoción.
O rexedor agradeceu a implicación de Protección Civil, “que coa súa colaboración fixeron posible o desenvolvemento desta actividade”. Trátase dun agradecemento que o primeiro edil fixo extensivo aos propios Reis Magos “polo seu tempo desinteresado” e aos maiores, “polo recibimento e por agasallarnos cunha experiencia difícil de esquecer”.
Esta acción, de carácter social e emocional, referenda o compromiso do Concello co coidado, o respecto e o acompañamento das persoas maiores. Ante a boa acollida da iniciativa, o Concello valorará repetila nos vindeiros anos.