Ponteceso | Comezaron as obras da senda entre Xornes e a Igrexa de San Xoán

1 minutes read

Os traballos, que suporán un investimento autonómico de 446.000 euros, céntrase na construción dun novo itinerario de uso compartido peonil e ciclista pola marxe dereita da AC-421, que permitirá desprazamentos máis cómodos e seguros desde o núcleo de Xornes ata a igrexa de San Xoán. Esta senda enlazará coa senda xa executada en Xornes-Buño-Canta la Rana, que supuxo un investimento da Xunta de arredor de 535.000 euros.

A nova senda entre Xornes e a igrexa de San Xoán acadará os 1,3 km de lonxitude e terá 2 metros de ancho, salvo en casos puntuais onde o ancho será maior, xa que se unirá o novo itinerario coa aliñación das parcelas para evitar que queden franxas baleiras no trazado.

O novo itinerario en execución será en formigón coloreado, para facilitar a visibilidade, e disporá, nos treitos onde sexa posible, de cuneta de seguridade e franxa axardinada. Completaranse os traballos coa execución da drenaxe e das canalizacións para alumeado público e telecomunicacións.

As obras contan cun prazo de execución de 5 meses, polo que o obxectivo é rematalas este mesmo ano. A Xunta financia esta actuación con fondos do eixe React-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

Esta actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez, busca mellorar a seguridade dos peóns nesta contorna e fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, dispoñendo tamén de mobiliario urbano, un banco que facilite o seu repouso.