Ponteceso contará cunha oficina para impulsar a transformación dixital das empresas rurais


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o seu homólogo da Asociación de Empresarios do parque Empresarial de Tella, José Ramón Pombo Imia, asinaron na sede da institución provincial o convenio para a posta en marcha da nova oficina provincial ‘Acelera Pyme’, creada para impulsar a transformación dixital das empresas en áreas rurais. Ao acto asistiron o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo.

A Oficina Acelera Pyme da Deputación da Coruña dará soporte e asesoramento aos 93 concellos da provincia desde a sede da Asociación de Empresarios do polígono empresarial Tella, en Ponteceso. A súa misión, explicou Formoso, será “apoiar a pemes, profesionais autónomos e emprendedores de toda a provincia no seu proceso de dixitalización, o que lles permitirá mellorar a súa competitividade, logrando deste xeito o crecemento económico do territorio e contribuíndo a frear o despoboamento do rural”.