Ponteceso continúa ampliando a rede municipal de abastecemento de auga coa actuación na Ourada, en Cores

1 minutes read

O Concello de Ponteceso continúa avanzando na ampliación da rede municipal de abastecemento de auga co inicio dunha nova actuación na Ourada, na parroquia de Cores. A actuación na Ourada dá continuidade aos traballos realizados recentemente en Riotorto, dentro da planificación municipal para ampliar progresivamente a rede de abastecemento e facilitar que cada vez máis aldeas de Ponteceso poidan dispoñer deste servizo esencial.

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destaca a importancia de continuar levando os servizos básicos ás parroquias e aos núcleos rurais, avanzando na mellora das infraestruturas municipais e na igualdade de oportunidades para toda a veciñanza, independentemente do lugar no que resida.

Esta intervención permitirá seguir estendendo o servizo municipal de abastecemento a máis núcleos rurais do municipio, mellorando as infraestruturas básicas e dando resposta ás necesidades da veciñanza. Neste caso os traballos foron adxudicados á empresa Espina & Delfín, e contaron cun investimento de 48.107,07 euros e un prazo de execución dun mes.

Con esta nova intervención, o Concello reafirma o seu compromiso de seguir investindo na extensión da rede municipal de abastecemento, atendendo as necesidades das distintas localidades e mellorando a calidade de vida no conxunto do municipio.