O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, asinou coa empresa Construcciones López Cao, S.L. o contrato correspondente á obra de ampliación da vía do Campo dos Seixos ao Petón de Tella, na que o Concello realizará un investimento de 206.686,15 euros, achegados pola Deputación da Coruña. Os traballos teñen un prazo de execución de tres meses, e cinco anos de garantía.
A actuación desenvolverase ao longo de 380 metros de lonxitude da vía co obxectivo de acadar un ancho total de seis metros. Con esa finalidade procederase á demolición dos muros precisos para a execución da obra, e tamén inclúe 290 metros de canalizacións e a construción de 8 pozos de rexistro e 16 arquetas para a correcta recollida das augas pluviais.
Na superficie, a nova vía quedará aglomerada, pintada e coa sinalización vertical correspondente. Así mesmo, está prevista a instalación dunha barreira de seguridade en ámbalas marxes, a reposición dos postes afectados e a adaptación de pozos e arquetas existentes.