Ponteceso convoca un concurso para adxudicar dúas vivendas sociais de aluguer


O Concello de Ponteceso pon en marcha o procedemento de adxudicación, en réxime de aluguer, de dúas vivendas sociais municipais situadas nas antigas vivendas dos mestres. Tras a publicación do anuncio correspondente no BOP do 1 de xuño, o prazo de solicitude estará aberto durante un mes.

O obxectivo da convocatoria é facilitar unha vivenda a prezo taxado a familias en situación de necesidade, segundo os criterios que figuran nas bases.

Os contratos terán unha duración de cinco anos, prorrogables. As persoas beneficiarias pagarán unha renda mensual de 60 euros, que se revisará anualmente en función do IPC. O Concello de Ponteceso farase cargo de todos os gastos agás os correspondentes aos subministros de auga, luz ou gas e á taxa pola recollida do lixo.