- Contan cun contrato de seis meses grazas a unha subvención da Deputación da Coruña
O Concello de Ponteceso é un dos primeiros da provincia da Coruña que pon en marcha a contratación de persoal no sector do turismo grazas a unha bolsa de emprego da Deputación.
Dúas técnicas de turismo atenden desde este mércores, e por seis meses, a aquelas persoas que visiten Corme e Ponteceso poñendo «especial énfase nas fins de semana», sinala o rexedor, Lois García Carballido. A pesar de que a concesión da subvención saíu este luns no Boletín Oficial da Provincia, as traballadoras xa comezaron a traballar de cara á tempada de Semana Santa.
«A creación de emprego no turismo é unha marca da Deputación, e damos as grazas ao responsable do departamento, Xosé Regueira, por ir a máis cada día nesta área tan importante para a Costa da Morte despois dunha dura pandemia», subliñou Carballido.