Ponteceso engade outros 8.000 libros á biblioteca dixital con OdiloApp


O Concello a través do seu servizo de alta na biblioteca dixital engade outros 8000 títulos ao servizo de biblioteca dixital a través da App gratuíta OdiloApp dispoñible para IOS e Android, da man da biblioteca dixital da Deputación da Coruña. Acudindo á biblioteca do Concello de Ponteceso en  poucos días poderán acceder ao préstamo doutros 8000 libros. O Alcalde anunciou a novidade “a aplicación Odilo é complementaria á aplicación eBiblio, con máis de 8.000 títulos a primeira, e máis de 9000 a segunda, con só acudir cun dispositivo e un correo á biblioteca de Ponteceso de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas os luns, mércores e venres.”

En concreto, son 8.057 libros electrónicos, ademais doutros documentos de préstamo como audiolibros e revistas. Ler Conta Moito, GaliciaLe, eBiblio e agora eBibliodacoruna son servizos de biblioteca dixital que o Concello quere dar a coñecer e axudar a usar aos usuarios e usuarias non expertas, con estas actividades de dinamización.

Como actividade e para atraer os máis cativos e cativas ao recurso, coa colaboración da Xunta e a Deputación da Coruña, a Biblioteca Municipal de Ponteceso será escenario de varias sesións de contacontos dirixidas aos máis pequenos e pequenas da vila para conmemorar o mes do libro. 

A primeira terá lugar o 13 de abril ás 18:30 na que de novo os ratiños da compañía Trinke Trinke visitarán a biblioteca para o desfrute dos nenos e nenas de Ponteceso. Con estes simpáticos animaliños, as e os participantes poderán coñecer, a través de varios contos, como nacen os paxariños e cales son os preparativos para recibilos da mellor maneira.

Pero esa non será a única vez que visiten Ponteceso xa que agardan dúas citas máis os xoves 20 e 27 de abril ás 18.30 con dúas representacións da mesma compañía coas obras “Un invento para Chegar ao Ceo” e “Unhas Botas Misteriosas” respectivamente. Todas as actuacións son de balde.