A aldea do Couto acolleu este domingo a entrega dos premios ‘Bos e xenerosos 2022’, uns galardóns que outorga anualmente á Fundación Eduardo Pondal e que nesta ocasión recoñeceron o traballo da arqueóloga Ana Romero no Dolmen de Dombate, que forma parte do patrimonio provincial.
No acto participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o vicepresidente do mesmo ente, Xosé Regueira Varela.
Formoso foi o encargado de entregarlle o premio a Ana Romero Masiá, natural de Santiago de Compostela, que ademais do seu traballo no Dolmen de Dombate é coñecida pola súa labor nas escavacións do castro A Cidá de Borneiro.
Pola súa parte, Xosé Regueira fixo entrega do busto de Pondal á pintora e escultora muxiá, Viki Rivadulla, pola súa obra reivindicativa de temas como o mar, a muller mariñeira e a súa cultura.
O resto de premiados destes galardóns, cos que a Fundación Eduardo Pondal pretende recoñecer a traxectoria persoal e tamén o traballo en prol da colectividade, da cultura ou do patrimonio, foron o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo; o físico e catedrático da USC, Jorge Mira; e o fotoxornalista José Manuel Casal Sobrino.