O Concello de Ponteceso organizou este venres, na sede da Asociación Cultural Monte Blanco, na aldea do Couto, unha reunión con veciños e veciñas das parroquias do Couto e da Graña para abordar as posibles opcións de xestión do monte tras os incendios sufridos durante o verán.
No encontro participaron membros da Axencia Forestal Galega, que ofreceron información e asesoramento sobre as alternativas existentes para a recuperación e posta en valor dos terreos queimados. A reunión contou cunha ampla participación veciñal, mostra do interese da cidadanía por avanzar cara a unha solución conxunta.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, anunciou que o Concello abrirá nos próximos días unha oficina de apoio á veciñanza afectada polos incendios, co obxectivo de facilitar a coordinación e impulsar posibles agrupacións forestais conxuntas. Esta oficina servirá tamén para contactar con todas as persoas propietarias das zonas danadas e coñecer a súa disposición a participar nestas iniciativas, sempre de carácter voluntario.
“Queremos ofrecer acompañamento técnico e administrativo para que esta oportunidade chegue a bo porto. A xestión conxunta pode ser unha vía moi proveitosa para o futuro dos nosos montes”, sinalou o rexedor.
Mato agradeceu ademais á Axencia Forestal Galega a súa colaboración e disposición a compartir coñecementos, así como á Asociación Cultural Monte Blanco pola cesión do espazo para a reunión.
No encontro participaron tamén o tenente de alcalde, Constantino Fernández, e o xefe de Emerxencias, Rubén Pérez Cotelo.