Ponteceso inaugurou o xardín rosa en homenaxe ás persoas que padecen cancro


O Concello de Ponteceso inaugurou este venres o xardín rosa homenaxe ás persoas que padecen cancro para conmemorar o Día Mundial do Cancro. Un dos técnicos da empresa de xardinería Arce foi o encargado de explicarlle aos máis pequenos como se elaborou o fermoso xardín.

Seiscentos ciclámenes rosas  que forman 11 círculos no centro do Xardín de Ponteceso,  conforman unha fermosa composición floral.

O alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido,  explicou que “este sábado celébrase o día mundial da loita contra o cancro. O cancro é unha enfermidade. Hai persoas de todas as idades que enferman e necesitan que lles mandemos unha aperta moi grande, por iso estamos aquí” e animou a todas as persoas presentes a fundirse nunha aperta. Carballido tamén lles contou que “é bo pasear por un xardín tan bonito como este á beira do río Anllóns, no xardín do Concello de Ponteceso. Sabedes que hai un plan para unir toda a beira do río, dende A Laracha a Montebranco para gozar da natureza?” . Carballido indicou na súa intervención que “vimos aquí a recordar a todas as persoas con cancro, as que non están, e as que sí están, enfermas” e ramatou convidando a todos os nenos e nenas a degustar un chocolate e gozar dos diferentes xogos e música.

No evento, ao que tamén asistiu a Concelleria de Servizos Sociais do Concello de Ponteceso, Noelia Varela,   achegáronse membros da xunta local do Cancro de Cabana que despregaron un lazo verde de grandes dimensións sumándose entre todos os asistentes á iniciativa da Asociación Española Contra o Cancro de A Coruña.