Ponteceso inicia unha estratexia para ser o Concello máis saudable de España

2 minutes read

Ponteceso pon en marcha a estratexia #Ponteenforma2023 para ser o Concello máis saudable de España. Este inicio coincide coa apertura da sala gratuíta de exercicios á que se pode acceder de forma gratuíta os 365 días do ano de 5 da mañá ás 12  da noite, con cita previa no 981714000 ou presencialmente no Concello de Ponteceso.

As seguintes persoas teñen acceso sen cita previa á sala de exercicios, para «coidar aos que nos coidan».

Para «coidar aos que nos coidan» e para que a súa vez recomenden o exercicio físico aos cidadáns, os seguintes sectores terán acceso sen cita previa á sala de exercicios: persoas empregadas do Concello de Ponteceso, persoas voluntarias activas de protección civil, voluntarias sénior e júnior do Concello e da Xunta de Galicia en Ponteceso, persoal do Sergas en Ponteceso, Guardia Civil en Ponteceso, e todo o persoal do directorio de saúde como fisioterapeutas, farmacias e parafarmacia, preparadores físicos e outros profesionais da saúde.

Estratexia «Ponteenforma2023» para os pais e nais dos rapaces que fan actividades de cultura e deportes

O Alcalde de Ponteceso, vendo a todos os pais e nais que traen aos fillos e fillas ás actividades, tivo unha idea. «Por que non lles damos unha chave dixital para que poidan tamén eles facer deporte, mentres os fillos están en judo, arte, cerámica, danza … e todas as demais actividades?» . Por iso dende o luns 9 todos os pais e nais deste alumnado que o solicite, sexa do Concello que sexa, ten acceso gratuíto e directo á sala de exercicios mentres espera que saia o fillo ou filla das actividades municipais. «Sabemos que cando vai sol, van andar polas nosas fermosas paraxes, pero que cando chove non poden, así dámoslles unha alternativa. O deporte é social, é diversión, mentres os fillos e fillas fan «piña» nas actividades, os pais, nais ou avós que traian o chándal e as zapatillas porque tamén van facer «piña» mentres se poñen en forma» apuntou o Alcalde de Ponteceso.

Acceso universal, con chave bluetooth

Aínda que as persoas empadroadas, maiores de 60, xubiladas, mozos menores de 30, persoas con minusvalía e emigrantes retornados teñen preferencia no acceso á sala, calquera persoa pode darse de alta. Só necesitan un móbil intelixente con bluetooth e un correo electrónico. «Se unha persoa non sabe, axudámola, incluso a acompañamos activar a chave. Eu xa o fixen cun veciño de Tella de 80 anos, e quedou encantado» engadiu o Alcalde de Ponteceso.