O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, agradeceu á Xunta de Galicia a aprobación do proxecto de climatización do centro sociocultural de Ponteceso, que contará cun investimento de 133.000 euros e que permitirá optimizar a eficiencia enerxética e reducir os custos xerais de mantemento das instalacións.
“Asinamos un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para mellorar un centro que levaba moito tempo sen investimentos. A Xunta amosa de novo o seu compromiso con Ponteceso polo que quero agradecer persoalmente ao conselleiro de Cultura, José López Campos, o seu inestimable apoio na defensa da cultura do noso municipio”, apuntou.
Mato lembrou que a intervención mellorará a comodidade das persoas usuarias e contribuirá a unha mellor conservación das pezas museísticas e bibliográficas, especialmente sensibles aos cambios de temperatura e humidade.
Tal e como establece o convenio de colaboración a achega dividirase en arredor de 50.400 euros durante a anualidade deste ano e preto de 82.600 euros en 2027. Na actualidade, o centro alberga o Museo Etnolúdico de Galicia, unha biblioteca, unha sala de cine, unha aula de informática e diversas oficinas.
Do mesmo xeito, o concello rematará a obra aproveitando as canalizacións, desaugadoiros, pasos de instalacións e espazos técnicos xa existentes para a implantación do novo sistema.
