Ponteceso licita un sistema de renumeración dixital de casas, fincas e empresas

1 minutes read
  • O proxecto, que conta cun orzamento de 56.000 euros, permitirá ubicar en calquera navegador o enderezo exacto dalgunha propiedade

O Concello de Ponteceso licita por 56.019 euros un innovador sistema de renumeración dixital das vivendas e fincas urbanas do PXOM. Este sistema aportará a información necesaria e precisa tanto ao Instituto Nacional de Estatística como ao equipo de soporte de Google para que en todos os navegadores aparezan os enderezos exactos segundo o catastro.

A elaboración deste proxecto pretende dar solución ás queixas dos veciños pola falta de números, duplicidades e outros danos ocasionados por unha numeración obsoleta durante os últimos 20 anos. «Seremos dos primeiros concellos onde calquera rúa e número que poñas na Internet ten que levarche directo á porta da casa, da finca edificable ou da empresa, sen erros nin duplicidades», afirmou o rexedor Lois García Carballido, quen ademais recalcou que este é un «moi demandado» tanto para o recibo de paquetería como para facilitar o traballo aos servizos de emerxencias no caso dun incidente.

As empresas teñen ata o 12 deste mes para presentar as súas ofertas e deberán contar cun enxeñeiro informático e agrónomo. O prazo de execución será de máximo 7 meses, puntuando a redución das datas. Despois do traballo de campo procederase a unha exposición pública para que a veciñanza comprobe o resultado e presente as alegacións que considere.

O Concello de Ponteceso aportará fondos propios a este proxecto que ademais recibiu unha axuda de 38.000 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, xestionada polo GDR de Bergantiños, dentro do Plan Leader.