Ponteceso márcase como obxectivo reducir as perdas de auga potable

1 minutes read

Dentro dos obxectivos ambientais recollidos no protocolo Vilas en Flor, o Concello de Ponteceso marcouse como reto reducir as perdas de auga potable na rede municipal, e o aforro na xestión dos xardíns municipais. «Acabamos de recibir a inspección de Augas de Galicia ás obras de instalación duns contadores dixitais, na saída do depósito principal no alto de Anllóns. Instalámolos cunha axuda do organismo autonómico, e agora presentamos o plan de aforro.»
A estratexia de aforro de auga potable é clave na loita contra o cambio climático que defende o protocolo Vilas en Flor, polo que Ponteceso obtivo 3 flores, unha máis que no ano anterior, no último certame.
«Hai que substituír todas as canalizacións obsoletas, para evitar fugas. Aquí necesitamos o financiamento de Augas de Galicia, levamos 7 anos pedíndoo e nunca nos financiaron un saneamento nin abastecemento en todo este tempo» declarou o Alcalde de Ponteceso.
As canalizacións de fibrocemento teñen máis de 50 anos nalgúns casos, non soportan a presión, e rompen deixando a veciñanza sen servizo. Ademais, limitan o funcionamento de quentadores de gas e outros servizos nos pisos das zonas altas, por exemplo dos barrios da Paxariña e Agra de Rodríguez en Corme Porto.
«Vilas en Flor é moito máis que un compromiso ornamental, é de tipo ambiental, e estamos empeñados en ser un Concello exemplar na xestión da auga potable» engadiu o Alcalde de Ponteceso.
Para este traballo, o Concello colabora activamente coa oficina técnica da concesionaria do servizo, Espina y Delfín, e coa concesionaria dos xardíns, parques infantís e mantemento do céspede artificial, Jardinería Arce.