Entre as zonas que está arranxando o Concello de Ponteceso atópase o malecón do Couto ou o tramo que vai desde o Anllóns ata Montebranco, que constitúe o denominado «paseo da saúde de Ponteceso».
Dende o Concello afirman que é moi importante o benestar e a calidade de vida da veciñanza e por iso se propuxo, dentro do compromiso Vilas en Flor, mellorar as zonas que están bañadas polo río Anllóns.
O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, resalta que a idea é «pór en valor o espazo natural potenciando as zonas ao aire libre e sendeiros peonís e ciclistas e o coidado da saúde».
Carballido pide «colaboración veciñal para manter o medio en bo estado» e recórdalle ás persoas que teñen mascota «que non esquezan recoller as necesidades dos seus animais cando os leven de paseo».
Outra zona destacada da vila son as canles de entrada e saída de auga doce e salgada, o lugar preferido dos pescadores da zona e dos afeccionados aos paxaros. O alcalde asegura que «a enseada da Ínsua é un lugar privilexiado para o avistamento de aves migratorias que neste momento descansan no esteiro», yanima a achegarse pola zona posto que «o mellor momento para ver estas aves é a finais de agosto e setembro».