Morre un rapaz de Corme en O Couto, Ponteceso, tras unha colisión contra un camión

1 minutes read
  • Sucedeu antes das 17:30 horas deste venres

Un cormelán duns vinte anos de idade faleceu na tarde deste venres no lugar do Couto, en Ponteceso, despois de que o coche no que circulaba chocase contra un camión que transportaba madeira. Sucedeu preto das 17:30 horas na AC-424, concretamente no punto quilométrico 3.

Foi un particular quen alertou do sucedido ao 112 Galicia, desde onde sinalan que a vítima quedara atrapada no interior do coche accidentado, polo que tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Bergantiños. A pesar da presenza dos servizos sanitarios, nada se puido facer por salvarlle a vida.

Polo de agora descoñécense as causas deste sinistro que obrigou a cortar a vía desde a rotonda de Balarés.

No operativo tamén participaron a Garda Civil, o GES e Protección Civil de Ponteceso.

A Garda Civil mantén aberta unha investigación para tratar de esclarecer as causas do sinistro.

O mozo fora xogador no Corme e árbitro na Costa, polo que a Real Federación Galega de Fútbol trasladou a súa consternación polo sucedido.