Ponteceso | O colectivo ‘Feminismo en Pé’ convoca unha manifestación con motivo do 8M

Stop violencia machista_PIXABAY

O 8 de marzo é, desde hai máis de cen anos, unha data internacional de reivindicación e loita pola igualdade de dereitos das mulleres. 
Este 8M recuperan o espírito co que as traballadoras e revolucionarias marcaron esta xornada como día de loita. Feminismo en Pé recolle neste día o legado de todas estas mulleres e denuncian os abusos do patriarcado saíndo á rúa, ocupando o espazo público, advertindo que non van retroceder nin un só chanzo na loita polos seus dereitos, denunciando o machismo e a misoxinia que aínda hoxe seguen arraigados nas institucións. 
Saen a rúa porque continúan en loita para conquistar o recoñecemento e a igualdade de todos os dereitos e reivindicar un futuro digno para todas, porque ven como os dereitos que creían consolidados están a ser cuestionados e non o queren permitir. 

Saen rúa para esixir unha sanidade digna e respectuosa para a nosa realidade, para esixir medidas reais e dotadas dos recursos necesarios para rachar coa fenda salarial e o teito de cristal.

Saen a rúa porque saben que é necesario visibilizar a súa loita para xuntar esforzos, atoparnos na sororidade e a solidariedade entre as mulleres para acadar a fin da desigualdade da nosa sociedade.

Estas son só algunhas das razóns polas que decidiron saír a rúa este 8 de Marzo, ás 20:00h percorrendo as rúas de Ponteceso desde o IES Eduardo Pondal ata a Praza do Recheo.

Fan extensiva esta convocatoria a todalas organizacións e colectivos sociais da contorna, a prol de visibilizar do xeito máis rotundo posíbel o rexeitamento da desigualdade entre homes e mulleres na nosa sociedade.