Ponteceso | O Concello solicita un Aula Mentor para o centro cultural

1 minutes read
  • O espazo iría destinado á formación aberta, flexible e a distancia para a poboación adulta

O Concello de Ponteceso vén de solicitar á Secretaría Xeral de Formación Profesional do Goberno de España un convenio para a creación dunha Aula Mentor, un programa de formación aberta, flexible e a distancia dirixida á poboación adulta.

«Esta aula suporía a posibilidade de realizar centos de cursos a distancia», afirman desde o consistorio, o que ademais significaría «un salto cualitativo para as persoas usuarias do Centro Cultural de Ponteceso» que xa gozan do Museo Etnolúdico; un centro de recepción de turistas; biblioteca; servizo de orientación laboral compartido con Cabana e unha oficina de atención ao público. Tamén se outorgan títulos oficiais de formación non regrada que serven para convalidar parte dos estudios de formación profesional.