Ponteceso | O control dos 18 positivos por coronavirus permite reabrir os mercados municipais

1 minutes read
  • Daráselle prioridade aos produtos alimentarios e, se a tendencia á estabilización continúa, poderán abrir de novo as instalacións deportivas

O xerente da área sanitaria de A Coruña-Cee, Luis Verde Remeseiro, aseguroulle esta semana ao alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, que os 18 casos positivos no municipio están confinados e controlados, sen apreciar en principio risco de contaxio comunitario. O xerente indicou que, polo momento, non hai necesidade de levar a cabo ningunha medida extra de peche de instalacións nin redución de aforos ou horarios. O que si ofreceu foi un cribado específico para colectivos concretos, como o persoal de axuda no fogar que presta servizo para o Concello de Ponteceso.

A toma de contacto entre os representantes de ambas institucións realizouse vía telefónica por petición do rexedor, quen se mostraba preocupado polas probas PCR.

Ante as boas novas, o Concello vai volver abrir todos os mercados do municipio de xeito gradual, dándolle prioridade aos produtos alimentarios e de primeira necesidade, sen acceso ao téxtil que non sexa indispensable. Ademais, outra das medidas que adoptará o goberno local será a desinfección diaria dos parques infantís, incluídos os dos colexios de primaria e a escola infantil de Ponteceso. Se a tendencia á estabilización continúa, desde o consistorio tamén se plantexarán abrir as instalacións deportivas para
o deporte sen contacto físico, dunha forma limitada e con desinfección antes e despois de cada uso.