O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, salientou a necesidade de divulgar os oficios artesanais entre a sociedade, e especialmente entre os máis pequenos, como motor do desenvolvemento do sector artesán galego e da marca Artesanía de Galicia. Heredia visitou este venres, xunto coa xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, os obradoiros para familias que se están desenvolvendo na aldea do Couto (Ponteceso) para celebrar os Días Europeos da Artesanía.
Durante a súa visita, destacou a necesidade de achegarlle ao público os valores da artesanía e todo o que esta implica como unha das claves para consolidar a imaxe da marca, incrementar a comercialización do sector e contribuír ao relevo xeracional.
A Fundación Eduardo Pondal organiza ata o domingo tres talleres de artesanía dirixidos a familias e impartidos polos artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, que contan coa colaboración da Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia. Levaráse a cabo un obradoiro de gyotaku, unha técnica tradicional artística xaponesa de estampaxe manual a través dun obxecto. Un obradoiro de cianotipias, no que se conseguirán imprimir negativos empregando papel de acuarela e un produto químico sensible á luz, en diversos tons de azul. Ademais obradoiro de papel marmolado, no que os participantes acadarán orixinais formas mediante unha técnica gráfica que consiste en colorear unha folla de papel poñéndoa en contacto con pigmentos non solubles que flotan na auga. O horario dos talleres durante a fin de semana é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
Os Días Europeos da Artesanía é un evento anual de divulgación dos oficios artesanais no que participan diferentes países e que en España está promovido pola Escuela de Organización Industrial (EOI) e pola súa área de promoción da artesanía, Fundesarte.