Ponteceso | O PP presentará un POS apoiado por unanimidade se Carballido abandona a alcaldía

2 minutes read

O Partido Popular de Ponteceso, a través do seu portavoz, Daniel García Cotelo, insistiu este domingo en que: “A única responsabilidade de que non se aprobase o Plan de Obras e Servizos e de que o pobo estea a piques de perder 750.000 euros moi necesarios é de Lois García Carballido”.

Ante as últimas declaracións do presidente da Deputación e responsable do PSOE provincial, Valentín González Formoso, os populares comprometéronse a presentar un paquete de obras que contaría co respaldo unánime da corporación, que respondería as necesidades de todas as parroquias e que se executarían en prazo.

“Iso si, no mesmo pleno que se aprobe esa actuación ten que confirmarse a dimisión do alcalde”, puntualiza García Cotelo, que considera que “unha persoa que se quedou sen apoios, que botou a cinco dos seus concelleiros do goberno, que mentiu, que manipulou vídeos gravados na alcaldía e que prexudicou aos veciños de Ponteceso non pode seguir máis á fronte do goberno local”.

Os populares aseguran que todo o que pretende facer agora o PSOE con respecto ao plan de obras anual debería facerse moito antes, sen esperar a que expirase o prazo de presentación de actuacións ante a Deputación. “Xa non nos engana… isto é unha manobra máis do alcalde para responsabilizar a outros da súa falta de xestión”, matiza Cotelo, que insiste en que “en ningún momento buscou o apoio da corporación, e un goberno de 3 persoas con 10 na oposición está obrigado a facelo”.

Acordar un paquete de obras

Chegados a este punto, o ofrecemento do PP é claro, e diríxese ao titular da Deputación coruñesa: “Se lle preocupamos de verdade os veciños de Ponteceso, debería reformularse o seu apoio a un alcalde denunciado que nos enganou a todos. A partir de aí, estamos dispostos a sentarnos a falar de todo o que faga falta e de acordar entre todos os grupos un paquete de obras moi necesarias para o municipio”.

O Partido Popular avanzou ademais que a súa proposta pasaría por actuacións en todas as parroquias, executadas en tempo e forma, e que apenas se recorrería a gastos xerais. “Que ninguén se esqueza que Carballido deixou pasar un Plan de Obras e Servizos fundamental para todo o municipio e que ten sen executar o do ano pasado”, conclúe García Cotelo.