O Concello de Ponteceso ofrece á Xunta de Galicia un terreo urbano anexo ao IES para a ampliación do Instituto Eduardo Pondal. O solar de 837 m2 e acceso rodado por dúas rúas, pode albergar un edificio de 320 m2 en dúas plantas. As novas instalacións poderían acoller novos talleres para Automoción, agora moi limitado.
“Este ano Ponteceso conseguiu un ciclo formativo de Atención Socio Sanitaria que é único en Bergantiños. O FP Dual de Grado Superior de Automoción vai coma un tiro, con convenios en 22 empresas da bisbarra. Hai que seguir pedindo á Xunta que potencie a nosa oferta de FP porque é directamente financiable con fondos Next Generation” declarou o Alcalde, Lois García, que visitou o solar en compañía da tenente alcalde Noelia Varela.
Ademais o Concello de Ponteceso retomará os traballos do consello escolar municipal trala pandemia, que comezará o día 2 de febreiro ás 16:30 horas, no Salón de Plenos do Concello.
Nesa reunión trataranse diversos temas, entre eles conseguir melloras en infraestruturas nos centros educativos por parte da Xunta de Galicia e da campaña #Ponteenforma2023 para lograr unha vida máis activa coa axuda da comunidade educativa.
O rexedor tamén propoñerá iniciativas para achegar información sobre como acadar o distintivo de calidade para os centros docentes “Selo de Vida Saudable”.