A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación participa esta semana na celebración dos Días Europeos da Artesanía a través de diferentes actividades de promoción e de divulgación dos oficios artesanais galegos e da marca Artesanía de Galicia. O evento, que comezou o pasado martes, remata o domingo 11 de abril, é unha iniciativa promovida en España pola Escuela de Organización Industrial (EOI) e pola súa área de promoción da artesanía, Fundesarte, no que a Xunta de Galicia colabora por noveno ano consecutivo. A través da Fundación Artesanía de Galicia, patrocínanse diferentes actividades en Ponteceso, Mondoñedo e Santiago de Compostela. Na aldea do Couto (Ponteceso), a Fundación Eduardo Pondal organiza tres obradoiros dirixidos a familias relacionados coa estampación manual (9 de abril), a creación de cianotipias (10 de abril) e o papel marmolado (11 de abril). Estarán impartidos polos artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
35