O grupo dos non adscritos non está disposto a que Ponteceso quede sen o POS 2022 «pese a ser ignorados polo grupo de goberno completamente, pese a manternos á marxe de todo tipo de negociacións tan anunciadas na prensa para limpar a imaxe de Lois Carballido».
Destacan que para acadar os 463.231 euros do Plan de Obras e Servizos deste ano deberase ter en conta a súa proposta, que inclúe o abastecemento e saneamento de Lestimoño e A Bouza. «Esta obra é moi necesaria xa que os veciños deste núcleo teñen pésimas instalacións para os traslados a pé ata o centro do municipio», explican desde o círculo dos non adscritos, destacando que esta intervención leva «moito tempo anunciada» pero parada, porque o ideal é que se execute con todos os servizos básicos para «non ter que romper dentro de dous anos o feito».
Aumento da partida para obras
A semana pasada Carballido anunciou que estaba disposto a ampliar a partida para obras en todo o municipio de 800.000 a dous millóns de euros se os edís do PP e APIN apoiaban o POS 2022.
Ante esta situación, os non adscritos piden ao goberno que «deixe de xogar cos veciños, que fale claro e que deixe de vender fume». Segundo os membros que conforman este grupo, o Concello ten un crédito de máis dun millón de euros por pagar e o alcalde «prefire aumentalo en lugar de empregar o remanente en pagar as facturas, entre elas as dos autónomos, que parece que agora non lle preocupan, e así evitar pedir outro crédito máis ao banco xa que non fai falta».