Así de contundentes se mostraron de novo este xoves a maioría de concelleiras/os do Concello de Ponteceso no terceiro intento de aprobación en Pleno Extraordinario do Plan de Obras e Servizos da Deputación, valorado en case un millón de euros.
Estes eran os puntos para tratar segundo a Orde do Día:
- Proposta da Alcaldía para a aprobación do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (Plan Único de Concellos) da Deputación provincial da Coruña.
- Proposta de Alcaldía para a participación do Concello de Ponteceso no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único de Concellos) « POS + adicional 1/2021» da Deputación provincial da Coruña para o financiamento de gastos sociais extraordinarios.
Non houbo grandes sorpresas no resultado da votación celebrada nunha sesión que durou pouco máis de 40 minutos. Xa todos os presentes insinuaran por onde irían os tiros e consumáronse as previsións, salvo a indecisión ata o último momento dos concelleiros da formación APIN, que finalmente se abstiveron ao POS e votaron a favor do apartado de investimentos sociais, conscientes tamén sexa dito de paso de que o seu voto non ía alterar o resultado final da maioría sumada polos edís do PP e os non adscritos.
Todos os opositores reclamaron a dimisión do alcalde, Lois García Carballido, tal e como lle reprochou Raquel Fondo «por prepotente e incapaz de chegar a acordos con ninguén, gobernando con ameazas e chantaxes».